Friday 03 de May de 2024

Protagonismo para DesOrdes Creativas na última edición do encontro internacional Openwall Conference


O artista urbano Sokram imparte en Barcelona unha conferencia dentro desta cita, na que se aborda a xestión das intervencións autónomas en espazos públicos. Compartirá a súa experiencia como fundador do festival de arte urbana máis importante de Galicia

DesOrdes Creativas ocupa un lugar relevante na terceira edición do Openwalls Conference que se desenvolve en Barcelona ata o vindeiro sábado. A pesar da súa corta traxectoria trátase dunha das citas europeas máis importantes relacionadas coa arte urbana e a creación plástica e muralística, na que tamén destaca a elevada participación de representantes internacionais.

Movidos pola orixinalidade e o gran nivel que presenta o festival que dende hai oito anos se vén desenvolvendo en Ordes, non se deixou pasar a oportunidade de escoitar de viva voz todo o relacionado con Desordes Creativas. Para falar de todo isto ninguén mellor que Sokram, un dos seus creadores e organizadores, ademais de tratarse dun dos artistas urbanos máis importantes dentro do panorama nacional. No día de hoxe participará como relator nun encontro no que, unha vez máis, porá de manifesto a importancia que o DesOrdes Creativas ten para o concello de Ordes, situándoo como un dos puntos de maior interese a nivel mundial dentro dos circuítos muralísticos e de arte urbana. Entre outros aspectos Sokram abordará os impulsos que o levaron a el e ao resto do seu equipo creativo ‘Mutante’ a emprender esta iniciativa. Crear un gran museo ao aire libre e de libre acceso para toda a cidadanía, combater o feísmo urbano, ou a arte como vehículo de denuncia e reivindicación social figuran entre eles.

Sokram tamén realizará un percorrido virtual por cada unha das creacións máis importantes das que se levan feito na vila ordense, ademais de abordar outras cuestións de tipo loxístico ou financeiro. Entre outros compartirá espazo con nomes propios do ámbito da arte urbana e da creación plástica como Jupiterfab, Jay Edlin, Jordan Seiler, Lara Seixo Rodrigues, Martha Cooper, RJ Rushmore ou Sergi Díaz entre outros.

Intervencións artísticas en espazos públicos; creación de murais; conferencias; obradoiros de contrapublicidade; seminarios e táboas redondas sobre arte urbana, espazos públicos e educación; guías de Barcelona; rutas muralísticas pola zona e celebracións de clausura completan o programa do Openwalls Conference 2015.